Promoción conxunta do xeodestino Manzaneda-Trevinca entre o Inorde e Turismo de Galicia

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e Turismo de Galicia achegarán 72.500 euros para a dinamización turística do xeodestino Manzaneda-Trevinca. Así se recolle no convenio de colaboración asinado entre o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a directora do organismo autonómico, Nava Castro, acto no que tamén estiveron representantes dos concellos beneficiados.

As accións a desenvolver teñen como obxectivo valorizar o turismo nesta zona mellorando a cualificación dos recursos humanos, a imaxe e a política de comunicación, a promoción e a comercialización do destino e mediante o deseño e desenvolvemento de novos produtos baseados no turismo deportivo, ornitolóxico, astronómico, gastronómico, enolóxico, industrial, familiar, cultural e no ecoturismo.

Rosendo Fernández destacou que os xeodestinos turísticos "son espazos xeográficos limítrofes que comparten homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos, culturais e patrimonios, con capacidade para xerar fluxos turísticos, e con ese obxectivo créase este convenio para colaborar técnica e económicamente na promoción e dinamización turística desta zona".

O convenio, que estende a súa vixencia ata finais de ano, actuará no ámbito territorial dos concellos de A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras.

Nava Castro explicou que o acordo pretende sensibilizar a veciños e visitantes sobre a importancia de preservar e poñer en valor os recursos culturais, enogastronómicos como os trens turísticos e as rutas do viño, e naturais como a certificación Starlight, xa que todas estas iniciativas son, segundo a directora, un importante factor de dinamización económica da rexión.

Neste sentido, Nava Castro enxalzou a tendencia positiva do turismo no xeodestino Manzaneda-Trevinca, que no primeiro cuadrimestre de 2016 xa rexistrou 7.875 viaxeiros aloxados e 15.202 pernoitas, o que supón un aumento dun 46% e dun 33,2%, respectivamente, en relación ao mesmo período do ano pasado.