A Xunta de Goberno pontevedresa vén de aprobar unha nova achega ao concello de Meis ao abeiro do Plan Concellos 2016. Nesta quenda, o investimento aprobado ten un valor de 71.995 € e o obxecto de habilitar un albergue para peregrinos e peregrinas. Esta partida do Plan Concellos 2016 vén enmarcada dentro da súa primeira liña, aquela dedicada a investimentos.
Anteriormente, o concello do Salnés xa recibira 20.000 € en liña 1 para unha mellora da seguridade vial no núcleo urbano do Mosteiro, 65.241,35 € en liña 2 destinados ao pago de gastos correntes, 16.310,33 € en liña 3 –actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais– para financiar o Certame de Bandas 2016, a contratación dos grupos musicais que participaron nas Festas de San Bieito, a Maratón Popular de Meis e a promoción e a difusión da Festa dos Callos e, en último lugar, 75.840,48 € en liña 4 para a creación de oito postos de traballo nos servizos municipais de Meis.
No que levamos de 2016, o Goberno provincial xa leva entregado o 57,3% do total destinado a Meis ao abeiro do Plan Concellos, situando neste momento o investimento na vila en 249.387,16 €.