O Concello de Lugo oferta para este sábado e domingo na Praza de Santa María un concerto do cuarteto musical De Vacas o día 23 e do grupo Carta de Ajuste o día 24, a partir das 21:00 horas, “unha alternativa máis de lecer para esta ponte festiva”, asegurou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Trátase de dúas actuacións para todos os públicos e idades enmarcadas na programación de Cultura no Camiño, promovida por Agadic, na que participa o Concello por terceiro ano consecutivo. En agosto, haberá outros 5 concertos ao abeiro deste convenio de colaboración.
De Vacas é un cuarteto musical do Milladorio formado por unha guitarra e tres voces. Ofrecerá un concerto duns 75 minutos nos que rescatarán temas recoñecidos nun formato divertido. Pola súa banda, Carta de Ajuste confórmano dous músicos veteranos, David Taboada e Iván Valdés, que a través dun espectáculo duns 90 minutos lembrarán recoñecidas cancións de rock dos anos 80 e 90, conseguindo a implicación do público a través da súa posta en escea.
Ademais, este mesmo sábado, a Casa da Música acollerá dende as 18:30 horas, o Napalm Fest, un festival independente de rock e metal organizado pola Asociación Cultura Lugo Rock. Nel actuarán as bandas Inferno Wisdom, Death Bringer, Savonarola, Perpetual e Barbarian Prophecies. A entrada é totalmente gratuíta.