III "Ribeiro Blues Winefestival"

www.depourense.es
A III edición do "Ribeiro Blues Winefestival" reunirá os días 12 e 13 de agosto, no parque náutico de Castrelo de Miño, a 24 adegas de viños do Ribeiro e a grupos de blues de referencia. A presentación desta celebración tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez; e a xerente do Consello Regulador do Ribeiro, Cristina Alcalá.

Rosendo Fernández destacou a importancia da "cooperación" para levar a cabo iniciativas como este festival "que xa vai pola súa terceira edición e que conseguirá consolidarse no tempo", e engadiu, "trátase de promocionar un sector económico estratéxico, o vitivinícola, a través dunha idea innovadora e de vangarda como esta celebración".

Durante o festival, estarán presentes "24 adegas que darán a catar máis de 100 marcas distintas de viño, acompañados da mellor gastronomía. Este ano teremos unha zona nova de street food, que ofertarán os mellores produtos para harmonizar o viño do Ribeiro", explicou o alcalde do Concello de Castrelo de Miño, quen salientou a calidade dos viños do Ribeiro asegurando que "acaban de entregarse os premios aos mellores viños de Galicia e para nós, como municipio, é unha honra que os dous mellores viños brancos de Galicia estean en Castrelo de Miño".

Xurxo Rodríguez agradeceu á Deputación de Ourense "o seu apoio desde o primeiro ano a esta iniciativa" e explicou que este festival naceu na procura de poñer música aos viños do Ribeiro, "en Castrelo de Miño tiñamos o produto que son os viños da Denominación de Orixe Ribeiro, principal actividade económica; ademais tiñamos o entorno, o parque náutico; polo que só lle faltaba unha banda sonora, e qué mellor que o blues, música que apela ao corazón dos ouvintes, para acompañar aos nosos viños", explicou o alcalde do Concello de Castrelo de Miño.

A música correrá a cargo o venres, 12 de agosto, da banda Freedonia, continuando coas actuacións das bandas galegas de Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers, Johnny Cat & The Poor Dogs, e Gold&Colt. O sábado, 13 de agosto, será a quenda para Vargas Blues Band, "a banda de blues española de referencia internacional que se atopa de xira por todo o mundo, e que fará unha parada en Castrelo de Miño para presentar tamén o seu último disco", dixo Xurxo Rodríguez. En canto ao blues galego, ese día actuarán The Lákazans, Los Hermanos Zapruder e, ademais de este estilo musical, haberá un espazo dedicado ao folclore galego a cargo do grupo O Fiadeiro.

Pola súa banda, Cristina Alcalá dixo que este festival "entronca cunha das liñas promocionais pola que o Consello Regulador leva apostando anos que é o elemento cultural, 100% galego, que enlace coa raíz e a historia do Ribeiro".