Nunha entrevista ofrecida a "Tribuna Termal", a publicación máis importante de España en materia de termalismo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, propón un "pacto termal nacional" para promocionar o termalismo no mercado mundial. Ademais afirma que en España podemos crecer neste sector, "e é necesario liderar unha iniciativa, na que xa estamos a traballar na Deputación de Ourense, para poñer de acordo ao sector privado, ás institucións públicas e aos usuarios, traballando todos na mesma dirección para xerar un polo de atracción turística, cultural e de ocio que promova as singularidades sociais e económicas que ten o termalismo, algo no que a provincia de Ourense xa é protagonista e un referente en turismo de ocio e saúde en Europa".
O presidente do goberno provincial remarca o auxe do termalismo, "que é unha panca de desenvolvemento en Ourense, capital da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal", subliñando como exemplo "a ocupación do 100 % das prazas en establecementos termais que se produciu na pasada Semana Santa na provincia ourensá", e tamén pon de relevo a importancia "de contar cun plan específico de termalismo, o Plan "Ourense, a provincia termal", que desenvolvemos conxuntamente coa Xunta de Galicia, e a transcendencia que o termalismo ten para a "marca Ourense", e o "protagonismo termal" que a provincia de Ourense ten no ámbito nacional "con iniciativas innovadoras como o Termalismo Deportivo, o Termalismo social, ou mesmo infraestruturas como a primeira piscina termal fluvial, que se instalará en Laias". Neste sentido, Baltar afirma que posicionarnos no mundo "cunha marca característica dará ao noso termalismo un plus de competitividade fronte a outros destinos convencionais".
En concreto, en canto ao termalismo saudable Baltar salientou na entrevista que esta iniciativa é "pioneira, que está a consolidar e ten unha vertente internacional pois estamos a contar tamén con usuarios do norte de Portugal. Outras zonas termais de España interesáronse por este programa para implantalo nos seus territorios".
Para o presidente da Deputación de Ourense a palabra "Ourense" e "termalismo" van da man porque "a calidade das nosas augas para tratamentos é importante e está máis que acreditada. Outra área que estamos a explorar é tentar que os tratamentos termais entren dentro da carta de servizos do sistema nacional de saúde, é un reto moi difícil pero gústannos os retos difíciles".