O Concello de Santiago asinou a Carta de Consumo Responsable e Solidario nun acto que se celebrou este sábado no Hostal dos Reis Católicos. O acto estivo organizado polo Concello en colaboración coa Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e o Foro Enrique Peinador. Tamén participaron os rexedores da Coruña, Xulio Ferreiro; Lugo, Lara Méndez; Ferrol, Jorge Suárez; a alcadesa en funcións de Ourense, Flora Moure; o vicepresidente da FEGAMP e alcalde de Oroso, Manuel Mirás; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Na Carta recóllese o compromiso da institución pola calidade e o aproveitamento sostible dos recursos naturais, así como pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat, que permiten dar aos produtos galegos unha personalidade propia.
Neste documento contémplase tamén o deber responsable á hora de decidir que produtos se consumirán, coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país. Así mesmo, inclúese o deber solidario con aquelas persoas emprendedoras que deron o paso de etiquetar en galego as súas elaboracións ou que usan a nosa lingua nas súas campañas de promoción e comunicación.