Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Silvia Fraga, directora de Stem Comunicación, apresentaron nova imaxe de "marca" que representa a Ourensanía, "un distintivo que pon en valor a identidade dun territorio e das súas xentes, e que convida ao futuro con positividade e optimismo, crendo nas potencialidades e singularidades que ten a nosa provincia".
Manuel Baltar dixo que a "marca Ourense" representa a razón de ser do noso pobo, "un pobo traballador, creativo e emigrante, que é máis que un territorio, porque a Ourensanía non ten límites", e engadiu que o novo distintivo –que conforma un sorriso coas dúas primeiras letras da palabra Ourense- "reflicte o que supón construír Ourense en positivo, visualiza de forma rápida o concepto de Ourensanía, e reflexa a personalidade de todos os que cremos en Ourense, que cada día somos máis".
O presidente do goberno provincial afirmou que isto é "un paso máis no labor que estamos a desenvolver desde a Deputación de Ourense en favor da nosa cultura, da competitividade da nosa provincia e promovendo social, turística, económica e deportivamente o noso territorio".
Como reflicte o espazo web no que se resume a nova imaxe da "marca Ourense" (www.ourensania.gal), a Ourensanía é unha forma de vivir e de facer dun pobo, o ourensán. O obxectivo da marca Ourensanía é promover un sentimento de orgullo e pertenza, darlle visibilidade aos seus principios e converterse nunha ferramenta ao servizo das diferentes institucións, entidades, empresas e cidadáns.
A marca, polo tanto, pon en valor as propiedades da Ourensanía a través dun distintivo gráfico atractivo e potente. O obxectivo é dotar ás empresas, institucións e cidadáns dunha ferramenta capaz de darlles visibilidade en calquera eido.
Créase, polo tanto, un símbolo a partir do identificativo ourensán (OU) que evoluciona como unha unión/fusión dos elementos que representan á Ourensanía e os seus valores. Unha "O" que suxire un círculo harmonioso no que todos caben, participan, colaboran e cooperan. Nela, a U representa unha aldaba, un chamador, o elemento nas portas á man de todos, a ferramenta que expresa a vontade de entrar, e que ao mesmo tempo adquire a forma da mellor carta de presentación: a dun sorriso ("smiley") que evidencia simpatía, amabilidade, benvida, apertura e ledicia.