O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento de A Coruña, José Manuel Sande, presentou este mércores o programa das Festas de María Pita 2016, que arrincarán o luns, 1 de agosto, co pregón que ofrecerá a deportista Sofía Toro, medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, e o concerto do artista brasileiro Carlinhos Brown.
O responsable municipal cualificou de "variada e de calidade" á programación dos festexos que, sinalou, "apostan por amosar unha cidade viva e diversa, cunhas festas para a cidade e a súa veciñanza", así como "por promocionar ao tecido creativo local", que terá unha "forte presenza" nas actividades que se desenvolverán ao longo do mes de agosto.
Neste apoio á comunicade creativa, Sande destacou o apoio do Goberno local ao mundo gráfico coruñés, "evidenciado no compromiso que cada ano un ou unha autora relevante asine o cartel das Festas, e continuado coa aposta por Coruña Gráfica". Na rolda de prensa, o concelleiro presentou o cartel dos festexos, firma da ilustradora Uxía Pin, "autora por partida triple", especifiou o edil, xa que tamén é a responsable da elaboración dos distintos carteis das festas dos barrios así como o específico da Romaría de Santa Margarita.
O concelleiro fixo especial fincapé na relavancia que terán as festas nos barrios da cidade desde a segunda quincena de agosto, "nunha aposta pola descentralización da celebración, sen que as festas acontezan só no nucleo central da cidade", así como na Romaría de Santa Margarita, "reformulada e que contará con dous días ateigados de actividades", sinalou, nas que haberá concertos, obradoiros e pasarrúas.