O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar a solicitude de inscrición no rexistro comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia, co obxectivo de preservar e poñer en valor a carne fresca procedente destes animais.
A posta en marcha desta nova IXP é unha iniciativa promovida por Ternera Gallega, co obxectivo de preservar e poñer en valor a carne fresca procedente das vacas e bois da nosa comunidade. Este produto obtense das principais razas existentes, que son a Rubia Galega, Morena Galega, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania e Frisona.
Esta Indicación Xeográfica Protexida abarcará a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase constará dun etiquetado concreto.
Establecerase un consello regulador único segundo os acordos para a indicación xeográfica protexida da tenreira galega e da carne de vaca e boi, co fin de manter unha relación entre estas dúas Indicacións Xeográficas Protexidas.