O festival alternativo, “Arteficial”, chega a súa décima edición, na que reunirá a 11 bandas o vindeiro sábado, 3 de setembro, no conxunto histórico de Ribadavia, en catro escenarios diferenciados, nos que ademais de música haberá espazo para a gastronomía, a recollida de alimentos e un mercado de sementes. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar no na Deputación de Ourense, nun acto no que participou o vicepresidente do organismo provincial, Rosendo Fernández; e o director artístico, a vicepresidenta e o vogal da asociación “Arteficial”, Manuel Araujo, Noelia Riveiro e Alberto Chousal, respectivamente.
A Deputación de Ourense colabora con este festival, “un evento cultural referente no mes de agosto ourensán, e no que se fai unha simbiose perfecta entre cultura e patrimonio” asegurou Rosendo Fernández. O vicepresidente da Deputación destacou o papel innovador deste festival “consolidado e puramente natural, feito por xente nova, que conta con numerosos patrocinadores, o que evidencia a importancia da cooperación público-privada, para levar a cabo este tipo de iniciativas que supoñen un elenco dinamizador para a súa comarca”.
O festival, que se desenvolverá desde as 12.00 horas e ao longo de todo o día, será gratuíto, e celebrarase en catro espazos do conxunto histórico da vila de Ribadavia, para poñer en valor o patrimonio do municipio. O escenario principal estará ubicado na praza Buján, haberá un escenario na rúa Progreso, outro dentro da Igrexa da Madalena, e por último, un escenario en fronte da antiga Igrexa da Madalena, explicou o director artístico de Arteficial.