Cuarto xullo con incremento consecutivo en número de turistas

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de xullo Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da Comunidade do 7,4% en relación ao mesmo período do ano anterior ata situarse en 730.053. Subiron tamén no pasado mes as pernoitas en relación ao mes de xullo de 2015 nun 13,5% neste caso, contabilizándose 1.704.585 no conxunto de Galicia.

É o cuarto ano consecutivo no que a nosa comunidade rexistra un incremento da demanda turística no mes de xullo, o que sitúa os niveis deste ano en máximos históricos tanto no que atinxe aos viaxeiros aloxados como ás pernoitas.

A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística, do 10,2% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 7,4% no que atinxe ás pernoitas. 

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O mercado nacional en Galicia subiu un 15,0% no tocante as pernoitas e un 9,4% no que atinxe aos viaxeiros, rexistrando preto de 550.000 viaxeiros e 1,38 millóns de pernoitas acadando neste ano máximos históricos de demanda.

Pola súa parte, o mercado internacional incrementou os seus viaxeiros nun 1,7% e as súas pernoitas nun 7,8%, acadando máximos históricos tanto de viaxeiros, con máis de 180.000 viaxeiros aloxados, como de pernoitas, ao sumar máis de 320.000. A estadía media subiu un 5,8%.