Ourense "a tope" coa primeira etapa da Vuelta a España 2016

depourense.es
A provincia de Ourense vibra e goza co mellor ciclismo do mundo. Así o demostrou na primeira etapa da 71ª edición da "Vuelta a España" disputada entre o Balneario de Laias e o Parque Náutico de Catrelo de Miño, coa presenza masiva de espectadores ao longo dos 28 quilómetros de percorrido, quen tamén encheron os arredores da saída e da chegada á meta. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen fixo entrega do trofeo ao equipo Sky, gañador da primeira etapa, formación capitaneada polo triplo campión do Tour, dixo que este "é un éxito de todos, pois a provincia de Ourense é a protagonista desta edición da "Vuelta", un evento que é moito máis que deporte e que nos permite promocionar a singularidade do noso termalismo, o noso turismo e dinamizar social e económicamente á provincia".

Peter Kennaugh, do equipo Sky, o primeiro líder da carreira, recibiu o seu maillot nun escenario flotante ao que se accedía por una pasarela desde o paseo fluvial, ao igual que os demais galardoados. Foi o arranque da proba ciclista máis importante do mundo, xunto co Tour e o Giro.

A "Vuelta a España" regresará a Ourense, concretamente a Luintra, meta da sexta etapa, o vindeiro xoves, día 25, para deixar definitivamente a provincia ourensá ao día seguinte, venres, 26 de agosto, coa saída desde a vila de Maceda con destino a Puebla de Sanabria.