Segundo os
datos de ocupación hoteleira do Instituto
Nacional de Estatística, o pasado mes de xullo Galicia
rexistrou un incremento da cifra de
viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros do 5,2% en relación ao
ano pasado, con preto de 600.000, o que supón un máximo histórico que supera
nun 28% os rexistros do último Ano Xacobeo.
Con máis de 1,22 millóns de pernoitas, Galicia
acada tamén neste ano un máximo histórico no mes de xullo e supera nun 17,4% o
nivel do último ano Xacobeo. Este é o cuarto ano consecutivo no que se rexistra
un incremento da demanda hoteleira en Galicia neste mes de xullo, o 12,2% máis que
no mesmo período do ano anterior.
Polo que respecta ao turismo internacional, en xullo de 2016 este participa tamén do comportamento positivo da demanda, ao superar nun
2,3% o nivel de pernoitas hoteleiras do mesmo mes do pasado, e permite manter o
nivel de demanda internacional en máximos históricos, con 245.841 no conxunto
do territorio.
O mercado receptor nacional -aquel conformado polos españois procedentes
doutras comunidades autónomas- presentou tamén un comportamento positivo,
superando nun 14,9% o nivel de demanda do pasado ano. Son tamén catro anos
consecutivos de incremento do turismo receptor nacional e que marcan tamén un
máximo histórico, ao superar as 700.000 pernoitas e preto de 300.000 viaxeiros
neste sétimo mes do ano.