A IXP Ribeiras do Morrazo acada recoñecemento oficial

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de viños “Ribeiras do Morrazo” terá a partires deste venres o recoñecemento no ámbito español, dende o momento en que se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro desta IXP, trámite co que se completa o seu proceso de rexistro e amparo en España.

A continuación, remitirase ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) toda a documentación do expediente, para que este, á súa vez, transmita a solicitude á Comisión Europea, co fin de acadar o recoñecemento da IXP a nivel comunitario.


Así o anunciou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita á adega “Os Areeiros”, no concello pontevedrés de Vilaboa, un dos que forma parte da área protexida pola nova IXP.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos legais, elaborouse o prego de condicións, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades cultivadas nos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.

 No devandito prego de condicións indicase ademais que os viños amparados elaboraranse exclusivamente con uvas de determinadas variedades. Así, as brancas serían Albariño, Caíño blanco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés e as tintas Brancellao, Caíño Tinto, Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón.