depourense.es |
O Teatro Principal da Deputación de Ourense acolleu o acto inaugural do 82º Congreso do PEN Internacional, que ata o 2 de outubro reunirá a máis de 200 escritores de todo o mundo na provincia de Ourense.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou na súa intervención, que realizou en tres linguas (galego, castelán e inglés), o acertado lema deste congreso "Erguendo pontes literarias", afirmando: "a literatura galega, escrita no idioma propio de Galicia, como ponte, como vínculo entre as literaturas hispánicas, hispanoamericanas, e as da lusofonía, Portugal, Brasil e países africanos de lingua portuguesa".
Manuel Baltar lembrou aos alí presentes os piares do orgullo dos ourensáns, "tres cousas hai en Ourense que non as hai en España, o Santo Cristo, a Ponte e a Burga fervendo a auga", e incidiu na importancia das pontes pois "todas elas son realizacións heroicas, froitos do esforzo e da tenacidade. Por iso, entre os tres símbolos do ourensanismo, un sentimento que tan ben definiu o presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, no seu manifesto "Afirmación da Ourensanía", a ponte é un símbolo, xunto coa Burga, as augas quentes que sanan o corpo e reconfortan o espírito, Ourense é referencia obrigada en termalismo, e o Santo Cristo, a imaxe de Xesús crucificado venerada nunha capela da Catedral polos crentes, respectada por agnósticos e ateos".
O presidente do goberno provincial salientou o papel da Deputación de Ourense como "promotora da cultura e da proxección exterior da nosa creatividade. E, Ourense, é e seguirá a ser, un referente literario".
O acto comezou co espectáculo "Ourense Literario", a cargo da compañía teatral "A Panadaría", durante o cal, o escritor ourensán, Bieito Iglesias, rendeu homenaxe aos escritores vinculados ao PEN de Galicia que xa non están con nós: Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro.
Na inauguración tamén participou o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente do Centro PEN Galicia, Luis González Tosar; e a presidente do PEN Internacional, Jennifer Clement.
Pola súa parte, Luis González Tosar, quen deu a benvida aos alí presentes, fixo un percorrido pola historia do Centro Pen de Galicia, "hai 27 anos que se fundou por iniciativa dun grupo de 25 escritores e escritoras. O primeiro presidente foi un ourensán, Alfredo Conde, a segunda foi unha muller, Úrsula Heinze, e o terceiro foi Carlos Casares, a quen eu sucedín".
O presidente do Centro PEN Galicia rematou dirixíndose ás autoridades para agradecerlles o seu apoio, e lembrou que "Galicia é unha nación cultural e, como tal, debe desenvolverse no concerto dos homes e mulleres que teñen mau do mundo, como dicimos en Ourense, coas súas palabras".