O Concello de Santiago convocará a mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna, en resposta a unha demanda formulada polos seus representantes. A reunión será o próximo 5 de outubro.
O obxectivo desta xuntanza é analizar a situación actual que atravesa o sector, buscar fórmulas para actualizar o marco normativo e adecualo á realidade social actual, co fin de conseguir a mellor convivencia entre o conxunto da cidadanía e un importante sector na cidade, tanto do punto de vista económico como en cuestión de emprego.
Á mesa de diálogo serán convocadas as asociacións do sector Hostalería Compostela, Vicus Francorum, Cidade Vella, Asociación de Bares e Pubs de Compostela e Tempo con Xeito. Ademais, o Goberno municipal convocará para participar na mesa a todos os representantes de todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal.