O volume de tráfico de mercadorías nos 122 portos de titularidade autonómica dende o 1 de xaneiro ao 31 de agosto de 2016 foi de máis de 1,1 millóns de toneladas, unha cifra que supón un incremento de máis de 100.000 toneladas en termos netos e de preto do 10% en termos porcentuais respecto ao ano anterior. Así se recolle no último informe de xestión elaborado pola Consellería do Mar co peche do mes de agosto.
Os peiraos con maior volume de tráfico de mercadorías foron, respectivamente: Cariño, con preto de 367.000 toneladas; Ribadeo, con máis de 304.000 toneladas; e Cee, con preto de 243.000 toneladas. Cómpre facer especial mención ao caso de Viveiro-Celeiro, que rexistrou nos 8 primeiros meses do ano o movemento de máis de 116.000 toneladas, un 43% máis que o ano anterior.
Respecto á descarga de pesca fresca, nos peiraos dependentes da Xunta de Galicia descargáronse ata o 31 de agosto máis de 67.500 toneladas de peixe, que na venda en lonxa supuxo un valor económico de 174 millóns de euros, un 10 % máis que no mesmo período de 2015. Os peiraos con maior volume de descarga de pesca fresca foron: Burela, con preto de 49.000 toneladas; Celeiro, con máis de 33.000 toneladas, e Ribeira, con máis de 27.500 toneladas.