A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, pouco despois de dar a coñecer o Plan de Usos e Viabilidade do castelo de Soutomaior, presentou as actuacións que se acometerán no de Sobroso. En total, este ano e o vindeiro, a institución provincial destinará máis dun millón de euros para dinamizar e poñer en valor o castelo.
Carmela Silva subliñou que "o estado de mantemento e xestión do castelo de Sobroso demandaba unha intervención urxente xa que, pese a ser un elemento emblemático do noso patrimonio, a capacidade de atracción de visitantes era moi limitada". Para dar resposta a esta situación, Silva engadiu que "nos propuxemos levar a cabo un plan ambicioso que permitise incrementar o número de visitantes definindo un novo posicionamento e marco de xestión que mellore o produto actual, defina o seu novo papel, oferte un novo produto de turismo cultural e optimice o seu rendemento".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que para poder levar a cabo esta actuación realizouse "unha análise da situación actual das instalacións, dos servizos prestados e do uso do castelo, tendo tamén en conta a opinión das persoas vinculadas coa xestión dos mesmos, co propio concello de Ponteareas, e os modelos europeos de similares instalacións, para propor unha intervención adecuada para Sobroso".
O resultado do estudo da Deputación de Pontevedra é un Plan de Usos e Viabilidade que supón un novo réxime de funcionamento e xestión para o castelo, para convertelo nun produto de turismo cultural e de lecer, que recolle unha estimación dos investimentos necesarios, dos custos de funcionamento e das perspectivas de ingresos para unha xestión integral dos novos usos. A través deste Plan de Usos e Viabilidade se determina –tal e como destacou Carmela Silva- " un modelo de produto para o castelo de Sobroso que non é outro que o de configurar un espazo de turismo cultural e natural".
As actuacións propostas para Sobroso teñen por obxectivo, tal e como indicou Silva, "aumentar a calidade na atención ó visitante así como nos recursos naturais, culturais e servizos prestados a través da naturalización da súa contorna; da rehabilitación da aula da natureza; de fortalecer, ampliar e mellorar a exposición; impulsar un proxecto arqueolóxico sobre a torre vixía do castelo; promover un proxecto de interpretación e musealización que inclúa a musealización da torre da homenaxe e a ampliación da exposición, dotándoa dun espazo para reunións, vídeo e conferencias así como a rehabilitación do servizo de cafetería".
En concreto, as accións estarán centradas na preparación do castelo de Sobroso como foco de atracción cultural e natural e en reforzar a aula de natureza e o valor histórico-cultural do mesmo. No caso da preparación do castelo como atractivo cultural e natural, impulsaranse demolicións de gaiolas e cercados, recuperarase o entorno da torre vixía e os accesos e, xa en curso, levarase a cabo a naturalización do entorno forestal e os xardíns e a sinalización do recinto. Para impulsar a aula da natureza e o valor histórico-cultural procederase á musealización do castelo, á intervención arqueolóxica sobre a torre vixía e a dotación de servizos adecuados de tenda e cafetería.
Carmela Silva subliñou que a partir desta actuación "esperamos difundir os valores culturais e naturais do castelo, ligar as visitas ó recinto con itinerarios complementarios ou exclusivos con distintos fins, aumentar o radio de proxección de determinados valores e servizos para ser máis atractivos así como incrementar o número de visitantes e aumentar a estancia media".
O Plan de Usos e Viabilidade do Castelo de Sobroso trátase dun plan "moi ambicioso – segundo manifestou Silva- que levaremos a cabo de forma progresiva; de feito, este ano imos destinar a Sobroso 100.000 € e durante o 2017 600.000 €, ós que hai que engadir os 315.000 € en obras de restauración do castelo que se están realizando en colaboración co concello". Neste contexto, no marco da colaboración con Ponteareas para a posta en valor do recinto, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a autorización da redacción do proxecto modificado das obras complementarias de conservación do castelo de Sobroso por unha contía de 12.568,15 €, que hai que sumar ós 56.000 € recentemente aprobados para completar o convenio inicial para a correcta rehabilitación do castelo".