Turismo de Galicia participa na feira JATA Travel Showcase 2016, que se celebra na capital de Xapón e na que a Comunidade galega conta cun espazo para promover a oferta turística galega entre os milleiros de persoas que visitarán este certame.
JATA é unha feira xeral de turismo que, organizada pola Japan Association on Travel Agents, constitúe un dos certames de maior tradición dentro do mercado nipón. Turismo de Galicia está presente por sexto ano consecutivo.
Antes da apertura da feira tivo lugar un workshop organizado pola propia feira no que Turismo de Galicia estivo presente con citas cos operadores xaponeses interesados en incluír Galicia nos seus programas, así como de reforzar o contacto cos que xa traballan a nosa Comunidade.
Por outra parte, durante a feira, a OET en Tokyo organizará un encontro de traballo con operadores, medios de comunicación e profesionais do turismo, acción na que tamén estará presente Galicia.
Galicia continúa a ser un destino en alza para o turista xaponés, que aprecia de xeito especial a nosa riqueza cultural e monumental, a gastronomía, a natureza e o Camiño de Santiago.