Reunión en Lituania da Federación Europea do Camiño de Santiago

A Federación Europea do Camiño de Santiago mantivo na cidade lituana de Vilnius a súa primeira reunión tras a incorporación dos tres novos membros: a provincia de Cuyavia – Pomerania de Polonia, Rothenburg Ob Der Tauber de Alemaña e a Asociación do Camiño de Santiago de Lituania.

Así, na actualidade, esta federación, que actúa como órgano xestor da Ruta Xacobea como primeiro Itinerario Cultural Europeo diante do Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, está conformada por estas tres novas incorporacións e pola Xunta de Galicia, a Communauté d’Agglomeration du Le-Puy-en-Velay en Francia, a provincia de Namur en Bélxica, os municipios de Asís e Vilapouca de Aguiar en Italia e Portugal respectivamente.

Con estes novos membros cúmprese un dos obxectivos impulsados polo Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa que reclamaba unha ampliación en especial polo este de Europa a cal xa é unha realidade que mostra o dinamismo do Camiño en tódolos países europeos e o interese que esperta o mesmo.

Esta federación foi creada en 2011 co obxectivo de dar unha dimensión transnacional á Ruta Xacobea e traballar na consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Entre as accións que desenvolve a federación destaca a promoción da marca Camiño de Santiago a través do desenvolvemento da web SaintJamesWay.eu, a realización de accións conxuntas, a cooperación co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; a cooperación coas universidades dos diferentes países así como coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; e a participación no foro anual do Instituto de Itinerarios Culturais Europeos, entre outras.