
Á primeira mesa redonda celebrada na libraría Mishima de Vigo acudiu o Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen impartiu unha amena charla sobre “O Ribeiro, Lingua e Literatura”. Estivo acompañado polo historiador da Universidade de Vigo, Luis Domínguez Castro, quen se centrou no viño do Ribeiro na Época Contemporánea, trazando unha visión histórica da comarca ata os nosos días. Ambos se recoñeceron como “ribeiraos” e aludiron á súa biografía labrega no Ribeiro.

Ambas mesas redondas contaron coa participación do historiador Xavier Castro, quen destacou a importancia simbólica de que un viño coma o do Ribeiro sexa mencionado nun dos grandes da literatura universal como é Miguel de Cervantes. As xornadas estiveron moderadas por Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro.
A proposta cultural do C.R.D.O. Ribeiro para este outono posúe un carácter interdisciplinar e consistirá en actos que terán lugar en varias cidades galegas e tamén en Madrid e Barcelona, de mesas redondas, conferencias multimedia e outros actos conmemorativos, nos que intervirán recoñecidos especialistas na cultura e historia do viño e a literatura. En todas estas actividade presentarase unha edición especial dun viño do Ribeiro etiquetado ad hoc para esta conmemoración cervantina. O ciclo de conferencias multimedia celebraranse en Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Barcelona e Madrid, e estarán impartidas por Xavier Castro e Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro.