Medio Rural apoia a candidatura de Cambados a Cidade Europea do Viño 2017

A Consellería domostra o seu apoio ao municipio de Cambados para que este sexa elixido Cidade Europea do Viño 2017, que este ano será española. A candidatura, que contempla ata 80 actividades, non inclúe só referencias á enoloxía en si, senón tamén ao enoturismo no Salnés. Contempla mesmo accións internacionais a través dun intercambio con Irlanda. Nesta iniciativa o Concello vai da man do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A candidatura de Cambados ten posibilidades de ser a seleccionada, xa que hai tres anos quedaba en segunda posición e é a única localidade con experiencia. En concreto, Cambados compite con Aranda del Duero, Villafranca del Penedés e Palma del Condado. O gañador darase a coñecer o próximo venres, día 4 de novembro, tras unha reunión celebrada en Palmea, Portugal. 

A Rede Europea de Cidades do Viño (Recevin) está integrada por 800 urbes de toda Europa, entre as que destacan as de países como Italia, Portugal e España, pero tamén participan localidades de Francia, Alemaña, Grecia e Polonia. A entidade organiza este concurso no marco de actividades de promoción e difusión do enoturismo e considérase unha oportunidade única para potenciar o desenvolvemento da riqueza, diversidade e os rasgos comúns da cultura do viño a nivel europeo, ofrecendo un mellor coñecemento da paisaxe, a economía, a gastronomía e o patrimonio da zona elixida.