Esta novena edición de Santiago(é)tapas será a segunda na que o Concello, a través de Turismo de Santiago, e o sector turístico, a través da Asociación Hostalería Compostela, organizan conxuntamente o evento gastronómico máis importante da cidade, consolidado coma un referente para a promoción turística da gastronomía de Compostela.
Xa en 2015 trazaron dous propósitos que continúan vixentes nesta segunda edición. O primeiro foi escoller novembro como mes fixo de celebración, para dotar á temporada baixa dun evento gastronómico potente, sumando as posibilidades de Santiago(é)tapas e do festival Cineuropa para atraer visitantes.
O segundo, establecer como requisito que as receitas das tapas participantes inclúan polo menos un produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.
As tapas serán vendidas este ano entre os días 17 de novembro e 4 de decembro .a un prezo único de 2,50 euros nos establecementos participantes, que se agarda cheguen a 60, distribuídos en varias rutas ou (é)tapas. Completar e validar cada ruta terá premio directo, e completar e validar todo oTapasporte, un premio especial. Tamén volverá haber un Tapasporte Exprés para turistas.
A votación popular será a responsable de decidir tres premios: o primeiro Premio Tapa do Público 2016, dotado con mil euros; o segundo premio, dotado con 500 en produtos Estrella Galicia; e o Premio (É)xcelente 2016, para o local con mellor servizo integral. O gañador do primeiro premio, ademais, será o representante de Santiago de Compostela no evento De Tapas por Galicia ou calquera outro evento similar.
Pero o xurado especializado tamén fará o seu labor, visitando de incógnito os establecementos e escollendo a proposta gañadora do Premio do Xurado á Mellor Tapa 2016. Como novidade, outorgará este ano unha mención especial Santiago(é)Cine 2016 á tapa que por título, técnica, produtos ou elaboración estea vencellada ao mundo do cine, en homenaxe aos 30 anos do Festival Cineuropa.
Os establecementos de hostalería do termo municipal de Santiago están xa inscribíndose e poden facelo ata o 29 de outubro na Oficina Técnica do Concurso, situada na praza do Toural, 10-1º, ou polo correo etapas@singulae.es. O teléfono é 981 573 913.
Santiago(é)Tapas conta co patrocinio de Cash Récord (Vegalsa) e Coca Cola, e a colaboración especial de Estrella Galicia – Cabreiroá.