O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzouque o Goberno galego dará un novo pulo aos sectores agroalimentario e forestal coa axilización dos trámites para crear a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e coa creación da Axencia da Industria Forestal de Galicia. Feijóo precisou que o contido destas axencias será detallado na Lei de acompañamento que se enviará ao Parlamento a próxima semana xunto aos Orzamentos.
“Queremos apostar por que Galicia siga sendo sinónimo de calidade”, incidiu o presidente, algo que xa están a facer os produtores, os galegos do interior e do exterior e a Administración autonómica. Por iso, a nova Axencia Galega da Calidade Alimentaria concentrará todos os departamentos da Xunta que investigan e son responsables da calidade dos produtos que poñemos nos mercados: o Ingacal, o varios servizos de promoción da calidade agroalimentaria, os centros de investigación da Consellería do Medio Rural e a Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal.
Entre os obxectivos deste ente estarán impulsar a marca Galicia Calidade, potenciar as Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas, ademais doutras figuras de promoción da calidade como a artesanía alimentaria, a agricultura ecolóxica, a produción integrada. Por outro lado, promoverá a investigación a través da integración nun único centro do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o Laboratorio agrario e fitopatolóxico e as estacións da Evega en Leiro e Ribadumia. Esta axencia poderá ser unha realidade trala aprobación da Lei de acompañamento, no primeiro trimestre de 2017.