O Concello de Lugo ten previsto unha serie de actos para conmemorar o XVI Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, declaración que tivo lugar o 30 de novembro do ano 2000.
Nesta liña, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou no Salón de Plenos a cata histórica, A Muralla, algo máis que un símbolo. 1477 abrazando Lugo. O Doutor en Historia Antiga e Arqueoloxía, Javier Gómez, foi o encargado de realizar dita cata histórica, á que asistiron medio cento de persoas. Posteriormente, desenvolveuse unha andaina nocturna por este Ben Mundial.
Esta foi a primeira das 5 catas históricas, con percorrido guiado incluído, que ten preparadas a entidade local ata xuño, en substitución das catas literarias, co obxectivo de que “os e as lucenses coñezan mellor Lugo e o patrimonio histórico e cultural da cidade”.
A programación inclúe charlas os días 29 de decembro, sobre o abastecemento de auga á cidade de Lugo, 23 de febreiro, sobre a Catedral e o Templo de Mitra; 27 de abril, torno as vías romanas, o Camiño Primitivo e o Camiño Real de Carlos III, e 29 de xuño, que tratará a evolución histórica da cidade.
As andainas serán os días 29 de xaneiro, pola Praza da Milagrosa, Monte das Pías, rúa Mazaira e Agro dos Castros, 25 de marzo, Praza de Santa María, Catedral e Templo de Mitra, e 27 de maio, polo Camiño Primtitivo para baixar polo Reguiro dos Hortos cara a Ponte Vella, Igrexa de San Lázaro, Antigo Hospital e visita ás antigas Termas, ás 11:00 horas. O 29 de xuño, a andaina será ás 20:30 horas polo centro da cidade, con visita á Domus, á Casa dos Mosaicos e San Roque.
O 30 de novembro Telmo Fernández presentará o seu novo disco The Soul Jazz Beat Vol.2, no Círculo das Artes, coa colaboración especial da vocalista italiana Desiree Diuf.
Na presentación, Basadre destacou que “dende esta declaración, produciuse un considerable aumento no número de turistas que visitan tanto a Muralla como Lugo, que ademais é unha cidade que ten a enorme riqueza de contar con tres Patrimonios da Humanidade”.