Manuel Baltar: Ourense liderará o "Pacto Termal Nacional"

www.depourense.es
Ourense liderará o "Pacto Termal Nacional". Así o confirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo no Pazo Provincial coa presidenta da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Regina Polín, a quen Baltar lle comunicou a iniciativa da Deputación de Ourense "de poñer en marcha un instrumento que afiance o termalismo dentro do turismo en España", afirmou o presidente provincial.

O presidente do goberno provincial xa anunciara esta iniciativa durante a presentación co Ministerio de Industria en Madrid do estudo sobre o turismo termal español -elaborado por Mario Crecente, autor do plan termal provincial-.

Manuel Baltar indicou que o pacto termal de España "establecerá os dereitos, deberes e obrigas, tanto das diferentes administracións territoriais como do sector privado e dos usuarios". Trátase –destaca Baltar- de lograr uns estándares de calidade que equiparen o turismo termal español co dos países de Europa de maior nivel".

Baltar explicou a Regina Polín todos os avances termais levados a cabo polo goberno provincial, e a súa presenza en redes internacionais como a Europea de territorios históricos termais.

O Pacto Termal Nacional "nacerá desde o diálogo", subliña Manuel Baltar, quen engade que será "unha proposta aberta que impulse Ourense e que creza coas achegas de todos os sectores, para fortalecer a oferta termal española desde a provincia termal por excelencia de España".