Cáceres acolleu á Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que aprobou o orzamento da entidade para o ano 2017, que ascende a 990.000 euros. Outra das decisións tomadas hoxe foi que Santiago celebrará o próximo ano unhas Xornadas sobre Xestión do Patrimonio do Grupo.
Os representantes das 15 cidades pertencentes ao Grupo, entre eles a primeira tenente de alcalde, María Rozas, tamén acordaron elevar á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) as conclusións dun estudo realizado por expertos en facendas locais, para solicitarle ao Goberno central algunhas vantaxes fiscais que compensen, aínda que sexa parcialmente, os gastos extra que supón a conservación e mantemento dos cascos históricos das cidades Patrimonio da Humanidade.
A presidenta do Grupo e alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado, explicou que "esas medidas fiscais poderían compensar a perda doutros ingresos coma os derivados do IBI, posto que moitos edificios históricos están exentos de pagar ese tributo". O obxectivo das Cidades Patrimonio é que "o Ministerio de Facenda teña en conta as particularidades destas urbes á hora de abordar o próximo modelo de financiación autonómica e local".