Santiago incrementa nun 13,16% as pernoctacións durante o mes de outubro

Segundo os datos do INE, no mes de outubro contabilizáronse 148.928 pernoctacións totais nos establecementos hoteleiros de Santiago, o que supón un aumento do 13,16% respecto de outubro do ano pasado.

Este crecemento ven derivado tanto polo bo comportamento do mercado doméstico, que subiu un 10,28%, confirmando así a súa recuperación, como do mercado internacional, que creceu un 15,51% e continúa marcando novos máximos históricos. De feito, o turismo internacional superou en outubro de novo ao turismo doméstico, con 83.651 pernoctacións fronte a 65.277.

Os datos de outubro permiten que Santiago continúe manténdose no acumulado anual nos niveis que se alcanzaron no Ano Santo 2010. Nos dez primeiros meses do ano, a cidade suma xa 1.245.671 pernoctacións, un 7,14% máis que o ano pasado e 300.000 máis que no ano 2012, cando a crise económica española afectou considerablemente ao sector turística da cidade, que por aquel entón tiña unha dependencia excesiva do mercado doméstico.

Como no caso do mes de outubro, o crecemento acumulado do conxunto do ano está sendo posible tanto á recuperación do turismo doméstico coma ao crecemento do turismo internacional. O turismo doméstico suma xa 634.936 pernoctacións, cun aumento do 5,74%, e o internacional suma 610.735, cun aumento do 8,64%. Con estas cifras continúa a modificarse a estrutura da demanda turística na cidade, cun peso crecente do turismo internacional que xa case alcanza en cifras globais ao turismo doméstico.

Os datos de pernoctacións van na liña dos datos que se están obtendo tanto no aeroporto, que este ano vai camiño de superar por primeira vez os dous millóns e medio de pasaxeiros e pasaxeiras, coma no Camiño de Santiago, onde xa se superou o récord histórico de 272.412 Compostelas entregadas, que databa do Ano Santo 2010. Tamén van na liña das previsións de Turismo de Santiago, que situaban o obxectivo para este ano en alcanzar 1.300.000 pernoctacións. www.santiagodecompostela.gal