A IXP Ternera Gallega vén de presentar varias novidades dentro do seu plan de acercamento aos gandeiros inscritos na IXP para simplificar e facilitar as súas xestións co Consello Regulador, e tamén do seu plan de mellora promocional orientado aos consumidores finais, nunha aposta polas vantaxes das novas tecnoloxías TIC.

O acto, presidido pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, contou tamén coa presenza do presidente da Indicación Xeográfica Protexida, Jesús González; da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo; e da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, nunha cita dirixida a profesionais do vacún de carne de Galicia, da restauración, industria e distribución e dos medios de comunicación xeralistas e especializados.
No marco da “Escola de Cociña de Ternera Gallega”Javier Rodríguez Ponte “Taky”, desvelou trucos, consellos e receitas para un aproveitamento integral da carne con este indicativo de calidade. Nun formato ameno e funcional que acompaña de infografías explicativas sobre a procedencia das pezas, diferentes usos culinarios, presentación estética, conservación, características organolépticas e historia do produto, dá resposta a interrogantes que se presentan á hora de cociñar a carne amparada pola IXP.
A serie de programas difundirase a través dos soportes habituais de comunicación da IXP Ternera Gallega, con especial presenza nas súas canles dixitais como a plataforma web (www.terneragallega.com) e a canle de Youtube, e nas redes sociais Facebook e Twitter. Tamén se prevé a súa emisión en puntos de venda, espazos de restauración, escolas de hostalaría ou feiras e salóns sectoriais para promocionar a grande escala as excelencias do produto amparado pola IXP.