A Comunidade galega pechará o ano 2016 cun total de 281 establecementos e servizos turísticos certificados co distintivo ‘Q’ de calidade turística, ocupando o primeiro lugar de España en número de hoteis e apartamentos turísticos, con 66 aloxamentos certificados, e casas de turismo rural, con 35 certificacións.
Dentro destas distincións outorgadas polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE), a Comunidade galega tamén lidera no ámbito estatal os segmentos de balnearios, instalacións náutico deportivas, turismo activo, e turismo industrial. Ademais é a segunda con máis axencias de viaxes certificadas, de xeito que Galicia é o segundo territorio con máis establecementos certificados, logo de Andalucía.
Polo que respecta ao volume total de establecementos que contan co ‘Q’ de calidade turística, Galicia rexistra un incremento sostido desde o ano 2003, cando se rexistraron 13 certificacións, e que este ano conta con sete establecementos máis que en 2015.
En canto aos segmentos de establecementos e servizos turísticos certificados co ‘Q’ de calidade turística, Galicia conta con 35 aloxamentos rurais, oito balnearios, catro cámpings, 66 hoteis e apartamentos turísticos, 12 instalacións náutico-deportivas, tres oficinas de información turística, dous pazos de congresos, 18 praias, 69 servizos de restauración, 42 servizos turísticos de intermediación (axencias de viaxes), tres empresas de turismo activo, 16 instalacións de turismo industrial, dous servizos de transporte turístico e un de turismo de saúde.