A iniciativa “Un caderno no Camiño”, proxecto promovido por Turismo de Galicia, visitou este ano colexios de primaria dun total de 20 concellos galegos polos que discorren diferentes itinerarios da Ruta Xacobea. Grazas a este proxecto, os máis pequenos puideron descubrir o Camiño de Santiago e a peregrinación e a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.
Coas actividades propostas en “Un caderno no Camiño”, os alumnos de primeiro ciclo de primaria dos colexios visitados puideron abordar realización da Ruta Xacobea a través da historia de Sophie, unha nena francesa que nas vacacións de verán emprende a peregrinación a Compostela acompañada do seu avó galego.
Os 20 municipios galegos que visitou esta iniciativa durante o 2016 foron Barreiros, Abadín, Begonte, Guitiriz, Boimorto, Trabada, Lourenzá e Mondoñedo, en canto ao Camiño do Norte; Guntín, Baleira, Castroverde, Toques, A Fonsagrada e Friol, no Camiño Primitivo; Laza, na Vía da Prata; Arzúa, no Camiño Francés; Ordes e Mesía, no Camiño Inglés; Negreira, na ruta Fisterra – Muxía; e Portas, no Camiño Portugués.
Os escolares destes 20 concellos aprenderon
sobre o Camiño grazas a unha publicación dixital interactiva, Sophie no Camiño, e dous cadernos de
actividades, un para os alumnos e outro para os docentes.
O libro interactivo conta a historia de Sophie
e as vivencias que experimenta no verán no que realiza o Camiño Francés a
Santiago acompañada do seu avó. Así mesmo, describe aspectos da historia,
costumes, gastronomía e patrimonio que rodean á Ruta Xacobea. A publicación
contén as aventuras literarias das personaxes e está enriquecida con
fotografías, debuxos, mapas e hipervínculos para acceder a información
adicional.