A quinta edición do Mercado da Estrela, patrocinado por Turismo de Santiago, celebrado o pasado sábado 17 e domingo 18 de decembro con preto de 10.000 persoas, que visitaron os distintos espazos da iniciativa, chegando a provocar colas para o acceso ao claustro do Museo do Pobo Galego, onde exhibían as súas coleccións catro decenas de marcas galegas de moda, xoiería, complementos, ilustración, decoración, etc.
Outros dos fitos da actividade foron o Concerto Galicia Calidade de Adrián Costa do sábado 17 e o directo da banda IGMIG, que abarrotou a carpa situada entre o CGAC e o Museo do Pobo Galego pasada a medianoite.
Grande acollida tiveron tamén as actividades relacionadas co Ano Internacional dos Legumes, impulsado por Gadis, o servizo de gardería ludoteca para os máis cativos, así como as sesión DJ da praza 8 de marzo, que dinamizaron musicalmente o barrio de San Pedro durante toda a fin de semana.
A iniciativa, que busca visibilizar o talento das persoas creadoras, produtoras, artesás, artistas e emprendedoras galegas, posiciónase así como a actividade máis destacada do Nadal en Galicia cun formato innovador, fresco e moderno que combina compras, música, novas tendencias, sostibilidade, gastronomía e creatividade.
Consolidado tamén como un dos eventos lúdico-culturais máis destacados e de mellor acollida da programación anual da cidade, o Mercado eríxese coma un punto de encontro heteroxéneo, plural, aberto, interxeneracional e atractivo para reivindicar o valor dos produtos de proximidade e a creación local, así como lugar de celebración compartido e gratuíto para os reencontros e brindes previos ao Nadal, que contou coa visita de persoas procedentes de toda Galicia que non quixeron perder a oportunidade de desfrutar da proposta.
A iniciativa está organizada pola empresa compostelá de proxectos culturais Correveydile, patrocinada por Turismo de Santiago, Gadis e Galicia Calidade, e conta coa colaboración do Museo do Pobo Galego, Vermut Lodeiros e Cafés Candelas.