No pasado mes de novembro Galicia acolleu un total de 224.139 viaxeiros aloxados rexistrándose na nosa comunidade 441.042 pernoitas, un 7% e 11,7% máis que no mesmo mes do ano anterior, respectivamente. A nosa comunidade rexistrou así neste novembro de 2016 a cifra máis elevada de pernoitas dos últimos seis anos e o volume de viaxeiros máis alto dende o 2010..
O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional subiu en Galicia un 10,6% no que atinxe aos viaxeiros e un 6,3% no que se refire ás pernoitas, acadando máis de 360.000, a cifra máis elevada dos últimos seis anos.
Pola súa parte, o mercado internacional incrementou neste undécimo mes do ano nun 9,8% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 17% a de pernoitas de novembro de 2015 acadando os niveis máis elevados desde o 2007.
O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas destacando o incremento de pernoitas rexistrado nos apartamentos turísticos -26%- e nas pensións -20%-. O incremento da demanda levou consigo unha mellora da estadía media que subiu un 4,4,% en relación ao pasado ano.
Nos once meses deste ano 2016 Galicia rexistrou máximos históricos nos seus niveis de demanda turística, cun incremento do 7,6% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con 4.734.330- e do 9,4% no que atinxe ás pernoitas –con 9.678.861 neste período-.