A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará 4 millóns de euros á posta en marcha do primeiro plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia. O plan identifica un total de 16 espazos imán: o Parque Nacional das Illas Atlánticas, os seis parques naturais (Fragas do Eume, Complexo Dunar de Corrubedo e as Lagoas de Vixán e Carregal, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra de Enciña da Lastra), o Monumento Natural da Praia das Catedrais, dous espazos da Rede Natura (Carnota-Monte Pindo e a Ribeira Sacra e Canóns do Sil) e as seis reservas da biosfera (os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón, a Área de Allariz, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, as Terras do Miño e a tranfronteiriza do Xurés-Gerês).
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, explicou que ao longo dos vindeiros catro anos se levarán a cabo un total de 29 actuacións específicas divididas en tres grupos, que representan os eixes deste plan.
Explicou que o primeiro é a posta en valor do patrimonio natural de Galicia, para o que se articulará unha nova oferta de actividades, recursos e melloras en torno aos espazos, atendendo sempre a súa conservación, sustentabilidade, o seu valor paisaxístico e a biodiversidade.
O segundo dos eixes centrarase na promoción e comunicación do patrimonio, a través dos medios de comunicación, da presenza en feiras ou da elaboración de novos paquetes turísticos. Tamén se contará cun importante esforzo para reforzar a presenza do patrimonio natural nas novas tecnoloxías. Por último, o terceiro dos eixes, será a educación ambiental e divulgación dos recursos naturais de Galicia, co que se apostará pola difusión e investigación científica, dende un punto de vista didáctico.