Os concellos de Mondoñedo e Oroso recibiron sendos galardóns, primeiro e segundo, respectivamente, nos Premios do Camiño de Santiago, na categoría, destinada a distinguir as iniciativas dos municipios polos que discorren as diversas rutas do Camiño de Santiago.
A segunda categoría, orientada a premiar as actuacións desenvolvidas polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, recoñeceu o traballo da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Burgos –primeiro premio- e da Asociación Jacobea de Málaga.
Pola súa parte, na terceira categoría, que recoñece as iniciativas ou as actividades desenvolvidas polas pequenas e medianas empresas, o primeiro premio foi para Maseybuco e o segundo, para Zerozero Imagen y Comunicación.
Por último, a cuarta categoría premiou ao Centro de Estudios Galegos-Universidade de Kiel, na modalidade que distingue os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación ou cultura xacobea ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago, e ao IES Plurilingüe San Rosendo-Mondoñedo, na categoría que recoñece os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou que os Premios Camiño de Santiago son de “suma importancia” para recoñecer aquelas iniciativas públicas e privadas que traballen por conservar e mellorar as distintas rutas do Camiño de Santiago. A directora fixo estas declaracións no acto de entrega da segunda edición dos galardóns celebrado na Cidade da Cultura.
Nava Castro explicou que o Camiño conta con grandes recoñecementos internacionais e que o Goberno galego quere distinguir a todos aqueles que desenvolven iniciativas que favorecen o bo estado da Ruta Xacobea, que en 2016 xa recibiu máis de 277.500 peregrinos, un 6% máis que no mesmo período do ano anterior.
Nesta segunda convocatoria dos Premios Camiño de Santiago, Turismo de Galicia achegou un total de 75.000 euros para as oito distincións concedidas. Nas categorías primeira, segunda e terceira os primeiros galardoados recibiron un premio por importe de 15.000 euros e os segundos clasificados, 5.000 euros. Aos gañadores da cuarta categoría correspondeulles un recoñecemento de 10.000 euros para a modalidade de investigación e estudo e de 5.000 euros na categoría destinada aos traballos de carácter educativo.