Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia rexistrou no pasado mes de novembro un incremento do 6,8% nos seus viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros con 211.670 viaxeiros. Así mesmo, a nosa comunidade superou nun 11,6% a cifra de pernoitas de novembro de 2015 ao rexistrar un total de 414.596. Galicia acadou así as cifras máis elevadas dos últimos seis anos tanto no que atinxe ao volume de viaxeiros aloxados como ás pernoitas.
En termos de mercados, continúa na senda de crecemento o turismo interno que presentou un incremento do 15,1% no que respecta ás pernoitas e do 8,2%. No referido aos viaxeiros, acadando a cifra das 153.000 noites, o dato máis elevado dos últimos cinco anos.
Pola súa parte, o turismo receptor nacional superou o pasado mes de novembro nun 8,2% o nivel de pernoitas e nun 5,4% a cifra de viaxeiros acadando con máis de 189.000 pernoitas a cifra máis elevada dos últimos seis anos.
Destaca, así mesmo, o comportamento do turismo internacional que superou nun 13,7% as pernoitas acadadas en novembro de 2015 e nun 7,6% a cifra de viaxeiros. Deste xeito, con preto de 73.000 pernoitas este mercado rexistrou no pasado mes a cifra máis elevada dende o ano 2007. A estadía nos hoteis e pensións de Galicia incrementouse tamén neste mes de novembro nun 4,5%, situándose na dato máis alto dos últimos cinco anos.
Tamén os datos de ocupación do sector hoteleiro galego melloraron en comparación co mes de novembro de 2015 en 2,6 puntos porcentuais acadando a porcentaxe de ocupación media máis elevada dos últimos seis anos. Así mesmo, os establecementos hoteleiros da nosa comunidade melloraron unha vez máis os seus niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes do pasado ano subindo o RevPAR un 8,2%.