Beatriz Mato |
O Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, presentado recentemente en Fitur, xira arredor de tres eixes de actuación, que van dende a valorización dos espazos naturais, a súa promoción e divulgación e a educación ambiental.
Por outra banda, a aplicación para dispositivos móbiles sobre os Parques Naturais de Galicia posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rexistrou preto de 1.000 descargas durante a celebración da Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, os pasados 18, 19, 20, 21 e 22 de xaneiro.
Na actualidade, esta aplicación leva contabilizadas un total de 9.189 descargas entre os sistemas App Store e Android. É dicir, un 10 por cento das descargas realizadas ata o momento realizáronse durante a celebración de Fitur, onde a Consellería de Medio Ambiente presentou o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, así como a nova imaxe e marca Galicia, natural e única.
A aplicación ampliarase proximamente con información relacionada co conxunto de espazos protexidos da Comunidade galega. Na era das novas tecnoloxías e das redes sociais, o patrimonio natural non pode quedar atrás, así, o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que presentou a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, en Fitur, recolle, ademais, a posta en marcha da primeira plataforma web da Rede de Parques en Galicia.
Este sitio web (parquesnaturais.xunta.gal) quere ofrecer aos visitantes dos parques toda a información necesaria para gozar e sacar o máximo proveito á súa visita. Datos sobre a xeolocalización dos espazos, os servizos dispoñibles e rutas son algúns dos valores da plataforma coa que se pretende enriquecer a experiencia das persoas que visitan os parques.