O stand de Galicia na 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, acolleu un acto promocional das festas galegas declaradas de Interese Turístico Nacional e Internacional. Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que estas festas constitúen un dos maiores patrimonios turísticos que atesoura a nosa comunidade ao representar o mellor dos nosos recursos naturais, culturais ou gastronómicos.
Neste senso, Nava Castro resaltou que estas celebracións son un excepcional medio para difundir os atractivos turísticos e patrimoniais de Galicia, á vez que serven para garantir as nosas tradicións e incentivar as economía locais. “Estes acontecementos favorecen a implementación dunha oferta de lecer atractiva para todos aqueles que queiran vivir unha experiencia singular nos ámbitos gastronómico e cultural dentro do noso territorio”, sinalou.

Nava Castro destacou que en Galicia existen un total de 135 festas declaradas de interese turístico, das cales 9 son de interese turístico internacional e 11 de interese turístico nacional.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia fixo un repaso polas tradicións que como a ancestral Rapa das bestas de Sabucedo, que se celebra no municipio da Estrada, a Festividade de Santiago Apóstolo, o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Ferrol e Viveiro, a Festa da Arribada da Carabela Pinta, en Baiona, as Fogueiras de San Xoán, da Coruña, a Romaría Viquinga de Catoira e o Festival do Mundo Celta de Ortigueira -todas elas declaradas festas de interese turístico internacional- constitúen un importante reclamo para Galicia como destino.
Tamén, resaltou as festas de interese turístico que enxalzan durante todo o ano nosa gastronomía e os nosos viños, como a Festa do Cocido de Lalín, no inverno; a Festa da Lamprea de Arbo, na primavera; a Festa do Polbo do Carballiño e a Festa do viño Albariño de Cambados, no verán; e a Festa do Marisco do Grove, no outono. Todas elas festas de interese turístico nacional que, xunto aos entroidos de Xinzo de Limia e Verín, a Festa da Historia de Ribadavia e as festividades de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, a Nosa Señora da Barca, en Muxía e o San Froilán de Lugo, completan o marabilloso elenco de acontecementos festivos destacados con esta distinción.