O Camiño Mozárabe será o primeiro itinerario ecuestre en Galicia

Turismo de Galicia acomete a sinalización do Camiño Mozárabe que permitirá a súa homologación por parte da Real Federación Hípica Española como itinerario ecuestre. O itinerario ecuestre proposto ten unha lonxitude total de 236,6 km, atravesa as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, desde o municipio de A Mezquita ata Santiago de Compostela, solapándose coa actual Vía da Prata.

Durante unha visita realizada a este itinerario ao seu paso polo municipio de San Cristovo de Cea a responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, destacou que con esta iniciativa refórzase a sinalización xa existente nesta Ruta Xacobea para a práctica ecuestre, informando dos puntos conflitivos para o paso de cabalos e das derivacións propostas para salvar os mesmos. “Así, o Camiño Mozárabe será a primeira ruta que se homologará como itinerario ecuestre en Galicia”, afirmou.

Nava Castro sinalou que as obras levadas a cabo para iso que, segundo resaltou, levaron consigo unha inversión de máis de 48.000 euros, consistiron na roza, poda e clareo en puntos determinados, na retirada dos restos silvícolas ata pista forestal, nos movementos de terra para acondicionar o firme do camiño e no marcado da propia sinalización. Neste senso, explicou que a sinalización consistiu no marcado da sinalización horizontal, consistente en marcas de pintura, e na instalación dos elementos de sinalización vertical -postes de dirección e localización, postes de seguimento e paneis informativos-.