A Xunta destina, na convocatoria de axudas deste ano, máis de 15,8 millóns de euros aos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que redunden en beneficio para as zonas litorais de Galicia. Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na visita que realizou á empresa Frigoríficos Rosa de los Vientos, en Marín. Alí coñeceu a súa nova liña de fabricación para o envasado de polbo cocido, unha iniciativa desta empresa ao abeiro do GALP da ría de Pontevedra, que recibiu apoio da Consellería do Mar a través deste tipo de axudas.
Durante a visita, na que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a titular de Mar destacou que esta nova liña desenvolvida por Frigoríficos Rosa de los Vientos contribúe a engadir valor aos produtos do mar, neste caso ao polbo das nosas rías. Tamén promove a pesca artesanal certificando a produción con distintivos de calidade como pescadeRías, engadiu.
Neste sentido, sinalou que este proxecto, que xa é unha realidade, é un exemplo da boa aceptación do apoio que brinda Consellería ás iniciativas dos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca. Así, lembrou que o ano pasado se beneficiaron destas axudas un total de 99 proxectos por un importe de preto de 6 millóns de euros.
Esta empresa está ubicada no porto de Marín e dedícase á produción e comercialización de produtos frescos e conxelados. Dispón de instalacións que inclúen cámaras frigoríficas, túneles de conxelación e cocedoiro de cefalópodos. Ademais conta cun laboratorio externo para someter o produto a control sanitario. Comercializa, entre outros produtos, polbo, xurelo para cebo ou conxelado, sardiña, xarda, pota conxelada, potón, e cabezudo.
Recentemente implantou a nova liña de fabricación para o envasado de polbo cocido procedente da pesca artesanal e identificado co selo pescadeRias. Unha reforma que incluíu a adquisición de diversos equipos punteiros na clasificación, pesaxe, envasado e etiquetado do polbo para que o produto chegue ao consumidor con todas as súas propiedades.