Turismo de Galicia foi admitida como membro do
Comité Executivo da Asociación Europea de Vilas Históricas Termais (EHTTA) na
pasada Asemblea desta asociación celebrada en Salsomaggiore (Italia). O director de Competitividade, José Luis
Maestro, representou por vez primeira a Turismo de Galicia neste órgano
executivo de decisión da EHTTA, a través do cal se deciden as estratexias, orzamentos, proxectos e
calendario de actividades, nunha reunión celebrada en Enghien-les-Bains, Francia.
O obxectivo destes encontros é articular entre
os distintos socios un proxecto europeo que permita, recibindo financiamento
comunitario, desenvolver as posibilidades do turismo termal desde o punto de
vista da prevención da saúde e do benestar.
No Comité executivo están representados os
socios de distintas vilas termais italianas e francesas, da asociación de vilas
termais do Macizo Central francés e a cidade de Bath no Reino Unido e a cidade
de Ourense.
Esta asociación está recoñecida polo Instituto
Europeo de Itinerarios Culturais do Consello de Europa como representante do
itinerario europeo das Vilas Históricas Termais, que traballa pola conservación
do patrimonio material e inmaterial vencellado a estas vilas que tanta
importancia tiveron na vida social e económica de Europa e tamén de Galicia.
Así mesmo, cumpre un papel de promoción
turística deste recurso cultural que posiciona a Galicia como referente do
turismo termal e cultural.