Durante a fin de semana Turismo de Santiago mantivo reunións con touroperadores, axentes de viaxes, xornalistas e asociacións de amigos do Camiño de Santiago na Holiday World Show, a principal feira turística do mercado irlandés, un mercado en crecemento constante na cidade nos últimos anos, tanto en número de persoas que fan o Camiño de Santiago como en turistas que visitan a cidade para short breaks, gracias a conexión directa de Aer Lingus entre Santiago e Dublín.
Destacar que Irlanda foi o sexto país do mundo con maior número de peregrinos e peregrinas internacionais no 2016, só tras Italia, Alemaña, EEUU, Portugal e Francia. O ano pasado marcou un novo máximo, con 6.539, un crecemento do 22% respecto a 2015. Este crecemento permitiu que superase ao Reino Unido, que no 2015 ocupou o sexto lugar. Entre o 2004 e o 2016, o número de peregrinos irlandeses multiplicouse practicamente por 12.
Aer Lingus obtivo tamén o pasado ano os mellores datos en volume de pasaxeiros e pasaxeiras na súa conexión entre Dublín e Santiago, consolidándose no aeroporto cunha pasaxe de máis de 30.000 persoas. En concreto, tivo 31.974, un 8,5% máis que no 2015.