A directora de Turismo de Galicia destaca que a Festa da Lamprea constitúe un gran atractivo turístico para Galicia
como destino e fixo fincapé en que a declaración de Interese Turístico Nacional
acadada o pasado ano por esta festa recoñece tanto a súa antigüidade, arraigo e
continuidade como a súa singularidade.
Así o destacaba Nava Castro esta tarde na
presentación da LVII edición da Festa da Lamprea de Arbo, que tivo lugar na
Casa de Galicia en Madrid. Ao acto tamén asistiron a secretaria de Estado de
Turismo, Matilde Pastora; o director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o
alcalde de Arbo, Horacio Gil; e o presidente do Consello Regulador Rías Baixas,
Juan Gil.
A directora de Turismo de Galicia sinalou que tanto
a Festa da Lamprea en si mesma así como
todas as actividades lúdicas e culturais que completan o programa desta
celebración constitúen un gran atractivo turístico para a nosa comunidade como
destino. Neste senso, afirmou que dende
Turismo de Galicia impúlsase a súa promoción xa que a súa celebración supón un
importante reclamo de atracción turística.
Nava Castro explicou que dende a Xunta apóstase
pola promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos,
especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de
criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos
sostibles e de calidade. “Deste modo, a aposta polas celebracións gastronómicas
tradicionais que xeran experiencias únicas no destino, como é o caso da Festa
da Lamprea de Arbo, ocupa un lugar moi relevante na política turística do
Goberno galego”, sinalou.
Por outra parte, Nava Castro fixo referencia
ao novo produto turístico promovido por Turismo de Galicia entorno a este
particular peixe e a súa captura, a Ruta da Lamprea.Segundo explicou a responsable de Turismo da
Xunta, esta ruta combina os numerosos recursos vinculados á lamprea de cada
unha das zonas dos tres ríos nos que habita en Galicia, o río Miño, Tambre e
Ulla, coa visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna como
miradoiros, paseos, pontes ou capelas entre outros. Así mesmo, ofrece multitude
de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas.