ITSSOIN é un proxecto de investigación financiado polo 7º Programa Marco da Unión Europea que implica a un consorcio liderado polo Centro para o Investimento Social da Universidade de Heidelberg, de Alemaña, e composto por once universidades e centros de investigación en nove países europeos. O proxecto analiza para estes países, entre eles España, as seguintes áreas de innovación social: arte e cultura, servizos sociais, saúde, sustentabilidade ambiental, protección do consumidor financeiro, emprego e inclusión social, e desenvolvemento comunitario.
Por deseñar programas de cohesión social en contextos de cultura dentro do campo da innovación social o modelo de xestión dos 4 museos da Deputación de Lugo foi seleccionado polo proxecto ITSSOIN (Impact of the Third Sector as Social Innovation). O programa, financiado polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea para a investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración, propoñerá o modelo da Deputación a institucións relacionadas e interesadas en comprender e aplicar os mesmos instrumentos.
“Dende a Deputación traballamos para que os nosos museos cumpran cun rol social, por iso programamos actividades e exposicións durante todo o ano nas que os veciños son partícipes e protagonistas das nosas coleccións”. remarcou García Porto.
O proxecto recoñece a implicación social, as actividades dirixidas a todo tipo de públicos, sobre todo aos máis vulnerables, a accesibilidade e o dinamismo social. Valorouse así mesmo a creación do departamento de Accesibilidade e Capacidades Diferentes, as múltiples actividades de museoloxía social que ten programadas a Deputación, e o papel dos museos como epicentros de innovación e cohesión social no contexto da rexeneración dos espazos culturais.