O Premio de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, concedido polo concello de Lalín no marco das actividades da súa Feira do Cocido, foi parar á peza documental "Cociñando na fin do mundo". O filme, que contou co patrocinio da institución e o destino Turismo Rías Baixas no Festival de Málaga e que colabora na súa difusión, está dirixido polo vigués Alberto Baamonde e producido por Esmerarte Industrias Creativas.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción polo resultado e asegurou que "este galardón é unha testemuña máis do acertada que foi o noso apoio a esta marabillosa peza, á cal acompañamos na pasada edición do Festival de Cinema de Málaga, dentro da nosa aposta pola proxección das posibilidades turísticas da provincia de Pontevedra a través da cultura e do fomento do turismo cultural, que é un dos eidos que máis visitantes nos achega ao longo de todo o ano".
Cociñando na fin do mundo impúxose a outros 32 traballos presentados ao certame xornalístico Álvaro Cunqueiro. A través das reflexións dos e das chefs do Grupo Nove, e coa participación de produtores, produtoras e outros e outras profesionais, o documental aborda o presente e o futuro da cociña galega. Ao longo da película amósanse tamén receitas tradicionais como o cocido, os viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas, a pesca da lamprea, a horta aromática da finca de Pepe Vieira ou o traballo da Misión Biolóxica, que produce variedades como o chícharo lágrima.
A Deputación de Pontevedra presentou en abril de 2016 o filme na segunda xornada do "Gastroweekend" no marco do Festival de Cine de Málaga. Co aforo completo, os e as presentes puideron coñecer a "revolución gastronómica" –tal como a definiu o director Alberto Baamonde- que se está producindo en Galicia mediante a combinación de tradición e vangarda, ademais de degustar elaboracións de Pepe Solla e Javier Olleros, compoñentes do Grupo Nove e galardoados con cadansúa estrela Michelín.