A Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal (CIM) Alto Minho presentaron a candidatura de cooperación transfronteiriza ‘Visit Río Minho', que foi finalmente admitida e valorada na primeira convocatoria para obter fondos europeos do programa INTERREG V A –POCTEP. Así llo comunicou o director xeral de Fondos Comunitarios Jorge García ao deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez.
Isto supón que os concellos galego-portugueses da ‘raia' volverán ter opcións para acadar os 5,6 millóns de euros solicitados á UE para desenvolver actuacións conxuntas que poñan en valor o territorio do Miño.
Unha vez salvado o primeiro contratempo, derivado dun defecto de forma na súa presentación, a candidatura de cooperación transfronteiriza dos concellos do Miño terá que pasar un segundo filtro: o comité de valoración debe analizar as actuacións propostas para as que se solicita financiamento (o 75% dos 7,5 millóns de euros de investimento total).
A resolución chegará no mes de marzo, cando se saberá se a ‘raia' do Miño terá cartos europeos e a cantidade definitiva que recibe, xa que pode suceder que só sexan aceptadas parte das iniciativas ou subvencionadas nunha porcentaxe diferente da prevista.