Lámina de Noemí López Vázquez
"Imaxinando Cantares Gallegos"
|
A Deputación da Coruña organizou acto de homenaxe a Rosalía de Castro organizado pola ao pé da estatua da escritora na Alameda compostelá, monumento que este 2017 cumpre cen anos. Esta lembranza enmárcase nos actos en torno ao Día de Rosalía (24 de febreiro), no 180 aniversario do nacemento da poeta.
Neste acto participou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen incidiu en que Rosalía "foi unha muller rebelde e libre, que reivindicou a loita de xénero cando moi poucos falaban diso". Martiño Noriega salientou que "malia habitar espazos incómodos hai cen anos, hoxe a escritora é un patrimonio reivindicado por todas e todos os galegos". Nese sentido, lembrou a unanimidade que conseguiu a proposta de que o aeroporto de Santiago leve o nome de Rosalía de Castro, "aquela tola que nos fixo a todos entolecer para reivindicar un país diferente".
O acto de homenaxe contou tamén coa participación do presidente e da vicepresidenta da Deputación, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei; do presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias; e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. A cerimonia contou coa actuación musical do grupo Habelas Hainas, que interpretou diversos temas de Rosalía de Castro, e coa lectura de poemas por parte de rapazas e rapaces de distintos institutos de secundaria de Santiago.
En Lugo, Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, da que é titular Carmen Basadre, súmase tamén á homenaxe a Rosalía de Castro, insitucionalizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Deste xeito, o Concello organiza unha lectura pública, xunto con Ágora Cultural, da obra de Rosalía de Castro este venres, xusto o día cando se cumpre o 180 aniversarios do seu nacemento.
Carmen Basadre fixo un chamamento para que toda aquela persoa interesada en participar se achegue á Praza Maior, de 12:00 a 14:30 horas. A Deputación vai a entregar este venres aos visitantes dos 4 museos da provincia; Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, San Paio de Narla, e do Mar, e aos da Capela de Santa María, 250 láminas de Noemí López , co poema Adiós ríos, adiós fontes da artista galega, e unha rosa, con motivo do aniversario.
E o Concello de Vigo, está a celebrar ao longo desta semana o Día de Rosalía, este xoves, a Praza do Rei acolleu unha lectura de poemas e solta de globos no que tomaron parte 400 alumnos e alumnas de sete centros educativos da cidade. Esta actividade formou parte do programa municipal para conmemorar o Día de Rosalía de Castro.