O Consello da Xunta aprobou o acordo de recoñecemento, autorización e cualificación como museo do Museo da Construción Naval de Ferrol, cun contido monográfico relativo á construción naval e de ámbito autonómico. Tráttase principal recinto expositivo marítimo español dedicado á historia da construción naval no mundo e en España.
Este centro expositivo ten a súa sede no edificio restaurado de Ferrarías, que forma parte do conxunto histórico do Arsenal de Ferrol e que, xunto coa base naval, foi construído no século XVIII tras a designación da vila en 1726 como capital do Departamento Marítimo do Norte.
O edificio alberga unha colección de fondos do patrimonio marítimo e industrial únicos, cun alto valor histórico xa que permiten coñecer o desenvolvemento e a evolución da construción naval militar e civil en España desde o século XVIII ata a actualidade, así como o papel que representa a cidade de
Ferrol neste ámbito.
O museo destaca pola súa significación histórica, pola súa localización (integrado no Arsenal), e polas coleccións que alberga, que permiten coñecer os elementos propios da disciplina naval e marítima ao longo de tres séculos, ao tempo que desempeña un importante labor divulgativo sobre os fitos históricos máisnrelevantes relacionados con esta actividade en España.
Nel pódese coñecer, ademais, o desenvolvemento da arquitectura e da construción de buques e dos materiais empregados, a evolución da tecnoloxía e o momento máis importante dun barco, que é a botadura e a flotadura.
O recinto consta dun espazo de 4.000 metros cadrados repartidos en dúas plantas dedicadas á historia da construción naval. Na planta baixa pódese facer un percorrido polas distintas técnicas de construción e os servizos máis esenciais dun buque. Por exemplo, destaca o pecio da Fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro en 1810 e recuperada pola Armada Española entre os anos 70 e 80 do século pasado.