Segundo os datos que acaba de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de xaneiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 3%, ata situarse en 163.063, a cifra neste mes máis elevada dos últimos nove anos.
Así mesmo, subiron tamén no pasado mes as pernoitas nun 2,6%, contabilizándose máis de 292.000 no conxunto da comunidade. Deste xeito, é o terceiro ano consecutivo no que se observa un incremento da demanda turística regrada en Galicia neste primeiro mes do ano.
A nivel estatal observouse igualmente unha mellora dos niveis da demanda turística regrada con incrementos tanto da cifra de viaxeiros aloxados –do 5,7%- coma das pernoitas –do 4,3%, neste caso.
No que se refire aos dous grandes segmentos de mercado, neste mes de xaneiro, en Galicia o turismo nacional mantense estable tanto no relativo á cifra de viaxeiros aloxados como ás pernoitas e o turismo internacional incrementa nun 19,6% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 14,9% o nivel de pernoitas. Neste caso, son tres anos consecutivos de incremento do turismo internacional en Galicia no mes de xaneiro, circunstancia que coloca os niveis deste ano nos máis elevados dende 2009, superando por vez primeira desde ese ano o nivel das 50.000 pernoitas.
Neste primeiro mes do ano o 93,2 % da demanda turística regrada rexistrada en Galicia correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representan o 74%- como ás pensións –con 19,2%, neste caso. O 6,8% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representan o 3,9% da demanda total-; aos establecementos de turismo rural -que supoñen o 2,8%- e aos campings, que representaron neste mes de temporada baixa o 0,1%.