‘O valor no noso’, nova imaxe dos mercados municipais coruñeses

O valor do noso, é a nova imaxe dos mercados municipais a través da cal o Goberno local pretende potenciar a compra nos mesmos entre a veciñanza.

Esta iniciativa vén acompañada dunha nova campaña de dinamización que se desenvolverá todos os sábados deste mes de febreiro co obxecto de incentivar o consumo de produtos frescos de cara ás vindeiras festas de Entroido a través dunha promoción de 'rasca e gaña'. O concelleiro de Emprego e Economía Local, Alberto Lema sinalou que "o obxectivo é fomentar a compra nas nosas prazas nunha época cunha cultura culinaria propia", fixo notar o concelleiro, "a través dunha campaña na que a cidadanía poida obter carriños, receitarios ou tickets regalo, incidindo así nunha nova oportunidade de compra no ciclo económico máis achegado á veciñanza".

O responsable municipal resaltou a aposta do executivo coruñés polas prazas a través da posta en marcha "dun plan estratéxico para analizar o crecemento dos mercados", ao igual que iniciativas como cursos de formación "para que as praceiras e praceiros poidan ter oportunidade de mellora no seu traballo", e o lanzamento dunha nova páxina web, "que terá lugar este ano". 


O valor do noso se desenvolverá os días 4, 11, 18 e 25 nos mercados de Adormideras, As Conchiñas, Elviña, Eusebio da Guarda (praza de Lugo), Monte Alto, Palavea, Ramón Cabanillas, Santa Lucía e San Agustín, repartirá un total de 100.000 cupóns 'rasca e gaña', un por cada compra superior a 10 euros realizada nos postos de alimentación e produtos frescos destes mercados. Aqueles que resulten premiados intercambiaranse polo premio indicado no mesmo, que serán carros da compra, receitarios ou vales con premios en metálico para comprar nos propios mercados municipais ata o 4 de marzo, unha semana despois do fin da campaña.